No PAAR poderás descubrir algúns dos petróglifos máis fermosos e significativos de Galicia, como a Laxe dos Carballos ou o Outeiro dos Cogoludos. As case 22 hectáreas do Parque son unha área de reserva arqueolóxica excepcional, onde se recuperou o aspecto que podería ter no pasado grazas a traballos ambientais respectuosos.
Un itinerario de máis de 3 quilómetros de lonxitude, salpicado por áreas de descanso e fontes, atravesa unha extraordinaria paisaxe cultural caracterizada pola alta densidade de petróglifos na que é posible contemplar os principais motivos e escenas que se plasmaron nos gravados rupestres galegos. Para facilitar a contemplación dos petróglifos, instaláronse plataformas de madeira que protexen as rochas e ofrecen mellores puntos de observación. Nas proximidades do Centro de Interpretación, elementos lúdicos e didácticos, como reproducións de petróglifos e un labirinto de aceiro, convidan á interacción e ao descubrimento.